Galiza. O movemento memorialista galego celebra que o Estado aceptase a súa solicitude de declarar San Simón e Meirás lugares de memoria

O movemento memorialista galego celebra que o Estado aceptase a súa solicitude de declarar San Simón e Meirás lugares de memoria

Comisión pola recuperación de la Memoria Histórica A Coruña

10/01/2025

O movemento memorialista galego celebra que o Estado aceptase a súa solicitude de declarar San Simón e Meirás lugares de memoria – Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

 

A Iniciativa Galega pola Memoria realizou o trámite ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria democrática en xullo, ao entender que ambos enclaves son referentes non só da memoria da represión, senón tamén da loita cidadá contra o esquecemento e contra a impunidade.

O colectivo, que engloba a medio cento de asociacións do país, lamenta ter sabido a nova pola prensa. A única comunicación recibida ata o momento do Estado foi a esixencia de traducir ao castelán a solicitude remitida en galego. Nese senso, lembran que perseguir as linguas distintas ao castelán é tamén unha rémora franquista que hai que superar

O movemento memorialista galego, a través da Iniciativa Galega pola Memoria, vén de  amosar a súa satisfacción pola decisión do goberno estatal de aceptar a súa proposta de declarar a illa de San Simón e o Pazo de Meirás como lugares de memoria. A plataforma, que coordina á meirande parte das asociacións do país, presentou o pasado xullo ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria Democrática, a documentación prevista na lei 20/2022 para o recoñecemento de ambos enclaves, ao entender que simbolizan non só a memoria da represión senón tamén da loita contra o esquecemento e contra a impunidade dos crimes franquistas levada a cabo polo pobo galego.

Para o colectivo, a decisión supón un primeiro paso para corrixir a eiva que, ao seu entender, supuña a carencia de espazos galegos no listado de lugares incluídos no texto normativo. Entende que San Simón e o Pazo de Meirás teñen unha “especial relevancia histórica e simbólica”, mais agarda que a lista poida ser ampliada no futuro con outros lugares de memoria do país.

A IGM agarda ademais que a declaración posibilite, por un lado, afondar na divulgación tanto do ocorrido no tempo en que a illa redondelá foi cárcere (outono 1936-marzo 1943) como  nos anos en que o pazo sadense foi residencia oficial da xefatura de Estado (1938 a 1975). Ademais, espera que a súa consideración como lugares de memoria serva para garantir a súa protección, evitando a continua utilización para fins contrarios á memoria histórica democrática que se levan a cabo en ambos lugares. Hai que lembrar que, malia a recuperación do Pazo de Meirás por parte do Estado, na actualidade segue tendo o acceso restrinxido, e no caso de San Simón a situación tampouco é mellor, pois a Xunta de Galicia permite que a illa sexa continuamente utilizada en beneficio de empresas privadas que se dedican a realizar nela actividades contrarias ao seu carácter público e a súa condición de ben de interese cultural. De feito, o movemento memorialista galego leva anos denunciando a programación en San Simóns de actividades lesivas coa memoria dos presos políticos e as súas familias: ginkanas de procura do tesouro, festas do Samaín, probas de orientación, brunchs, festivais musicais, etc. Confían en que a súa cualificación como lugar de memoria democrática por parte da administración estatal, titular tanto da illa como do Pazo, acabe de vez con este “mercadeo”.

A única resposta, un agravio á nosa lingua

Nas solicitudes presentadas en xullo, a IGM incluíu o respaldo expreso de máis dunha vintena de asociacións memorialistas culturais e veciñais do país, entre elas a CRMH da Coruña, as Asembleas Republicanas de Vigo e Ourense, a Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Tilve, O Facho, o Galo ou Agra do Orzán. Malia iso, a coordinadora do colectivo lamenta que tiveran que saber da nova pola prensa, pois aínda non recibiron comunicación oficial nin extraoficial da aceptación da súa solicitude. Lamentan tamén que a única nova desde o Estado foi o requerimento en outubro de traducir ao castelán as solicitudes que o colectivo enviara en galego e lembran que a persecución das linguas distintas ao español tamén foi unha eiva franquista que é necesario superar.
Para apoiar a solicitude, que segundo o recollido pola prensa, se materializará a partir de agosto, o colectivo destacou, no relativo a Meirás, o feito de que se practicaran abusos tanto na súa adquisición como durante o seu funcionamento como residencia de verán do ditador. No primeiro caso pola extorsión á que foron sometidas persoas propietarias de terreos necesarios para a ampliación dos dominios da familia Franco. No segundo, polas medidas represivas que o goberno do réxime totalitario adoptou nas reunións celebradas no Pazo.

A represión é tamén evidente no caso de San Simón. Durante o tempo en que funcionou como campo de concentración (outono de 1936- primavera de 1943) estiveron retidos na illa centos de republicanos –non só galegos, senón tamén doutras partes do Estado-. De feito o amoreamento foi tal, que a ditadura chegou a fondear fronte as súas costas o buque Upo Mendi, que serviu de improvisada prisión para os soldados da Fronte Norte que xa non cabían na illa e tamén para aqueles presos do Lazareto que tiveran un comportamento máis díscolo, nunha sorte de castigo. Para algúns dos presos, San Simón foi a última paisaxe pois as sacas eran continuas e tamén foron moitos os sacados da illa para ser levados ante un pelotón de fusilamento. Mais na documentación tramitada, o movemento memorialista destacou tamén que foi lugar de resistencia, loita democrática e solidariedade. Lembran acenos de resistencia como a negativa dalgúns presos a comungar malia a imposición dos ritos católicos por parte das novas autoridades, ou a solidariedade amosada non só por reclusos como o médico pontevedrés Celestino Poza Cobas, que atendía tanto a compañeiros como a gardas, senón tamén, e nomeadamente, o das mulleres da contorna que facían de madriñas para proporcionarlles alimento, roupa limpa ou facerlles de correo coas familias.

Ambos enclaves destacan ademais, e así se manifestou na documentación remitida en xullo, como símbolos da loita cidadá pola memoria democrática e en contra da impunidade dos crimes franquistas. Baste lembrar que o traballo do movemento memorialista coruñés foi clave para lograr a devolución do Pazo ao Estado ou que desde 2010 é a sociedade civil organizada a que mantén en San Simón a loita pola verdade, a xustiza e a reparación das vítimas, pois a chegada do Partido Popular á Xunta supuxo a reversión do vello Lazareto como illa da memoria e o inicio dun periplo de programacións irrespectuosas co alí acontecido durante a ditadura, ao que a IGM agarda poña fin a declaración estatal como lugar de memoria.

O movemento memorialista galego celebra que o Estado aceptase a súa solicitude de declarar San Simón e Meirás lugares de memoria – Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

Todos (...) los Nombres_